Tuesday 14 de May de 2024

O Goberno de Ribeira reforzará a presenza policial e estudará a instalación de cámaras para acabar coa inseguridade


O Goberno Municipal de Ribeira mantivo hoxe unha xuntanza coa veciñanza das Rúas Cordieiro, Agustín Fernández Oujo, Avesadas, Banda ó Rio, entre outras, onde a pasada fin de semana se produciron uns actos vandálicos que afectaron a máis de cincuenta vehículos particulares.

A xuntanza convocada polo Concello de Ribeira tiña por finalidade abordar os problemas que se están rexistrando en diferentes puntos da vila e ver posibles solucións que permitan aumentar a seguranza nos puntos conflitivos por tráfico de estupefacientes, roubos, altercados e actos vandálicos. A veciñanza congregada no Salón de Plenos expúxolle ao goberno municipal as problemáticas ás que se debe afrontar no día a día e demandaron atallar a inseguridade que se rexistra na zona.

O alcalde de Ribeira Luís Pérez Barral, xunto co tenente alcalde Vicente Mariño, expresou a solidariedade coa veciñanza afectada e avanzou que están traballando para aumentar o número de axentes da Policía Local a medio prazo, mentres que, no curto, xa se están reforzando as patrullas que hai polas noites das fins de semana mediante o pagamento de horas extraordinarias.

Por outra banda xa se está estudando a maneira legal de instalar cámaras de videovixilancia en puntos conflitivos do municipio que sirvan como elemento de disuasión e contribúan ao esclarecemento de actos vandálicos e delitivos, así como o reforzo da iluminación en puntos concretos.

Por último, o executivo local vai trasladarlle á Delegación do Goberno en Galicia a necesidade de aumentar o número de axentes da Policía Nacional que presta servizo no municipio. “Desde o Concello de Ribeira imos realizar todos os esforzos que estean dentro do noso ámbito competencial para tratar de que Ribeira sexa un municipio seguro e tranquilo pero nese traballo é imprescindible que tamén haxa un esforzo por parte do Goberno estatal” declarou Barral.

Cómpre ter en conta que a Policía Nacional ten un catálogo de 67 axentes dos que aproximadamente hai cubertos uns 55, dos cales, unicamente 27 pertencen ao persoal operativo policial que é o encargado de dar servizo na rúa.